14.5.13

Fermín Penzol

Fillo dun xuíz berciano e dunha asturiana de Castropol, viu nacer Fermín un 19 de agosto do 1901 na localidade palentina de Sahagún de Campos, o que o converte no que se ven chamando un galego "extramurano" ou "fronteirizo". Chegados os anos universitarios o seu desexo é cursar estudios de dereito en Compostela, mentres que o pai é partidario de que sexa en Madrid onde se licencie o fillo.  Será precisamente nestes anos universitarios, lonxe da que era a súa terra, cando esperten os sentimentos de estrañamento e morriña con Galicia. O mozo Fermín terá unha participación de primeira liña no núcleo galeguista que se forma e desenvolve en Madrid co nome de Mocedade Céltiga.
Habéndose casado con Blanca Jiménez, manteñe o contacto con Galicia mentres viaxa por toda España traballando.
Ten unha paixón polos escritos e documentos sobre Galicia. E conseguiu xuntar unhas das máis grandes coleccións. 
Penzol temía que cando el non estivera, o tesouro recompilado, minuciosamente escollido, no que investira tanto tempo e diñeiro, desaparecese, vendido ou espallado. Previsor, puxo en marcha os mecanismos para asegurarlle o futuro á biblioteca. Así no 1956 fai entrega simbólica da biblioteca á editorial Galaxia, feito formalizado en 1963 coa creación da Fundación Penzol que se decide establecer en Vigo -actualmente con sede na Casa da Cultura Galega-, ante a carencia de institucións culturais deste tipo nunha das principais cidades de Galicia. Penzol presidiu o padroado que rexe a Fundación e continuou facendo doazóns ata a súa morte en Compostela no 1981 e hoxe son entidades públicas, editoriais e tamén particulares os que seguen a engrosar os fondos da biblioteca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario